sábado, 30 de abril de 2016

O 1º de Maio comezo dunha primavera de mobilización e loita

AS MARCHAS DA DIGNIDADE PROMOVEN A PARTICIPACIÓN NAS MOBILIZACIÓNS QUE VAN TER LUGAR NA NOSA CIDADE




“Que as rúas se enchan de voces e vontades para rematar co sistema inxusto que nos escraviza e empobrece. Viva o 1º de Maio!”

“O 1º de Maio comezo dunha primavera de mobilización e loita”


A situación política, social e económica está atravesando un dos peores momentos dos últimos tempos... A corrupción e o latrocinio xeneralizado, o apuntalamento dun sistema que permite a inxustiza, o empobrecemento e deterioro das condicións de vida de millóns de persoas... A xeneralización do traballo escravo, precarizado e sen dereitos... A falta de perspectiva para os nosos sectores produtivos, no agro, na pesca, na industria... O deterioro do medio ambiente, a destrución das nosas rías... É urxente frear as políticas que nos afunden en beneficio das transnacionais e dos máis ricos, das persoas cobizosas que acumulan toda a riqueza e o esforzo do noso traballo. Cumpre denunciar o TTIP (Tratado Trasatlántico de Comercio e Investimentos entre EEEUU e a Unión Europea) e esixir unha pasaxe segura para as refuxiadas e inmigrantes, denunciando a deportación e os campos de internamento. Necesitamos unha outra sociedade, xusta e equitativa que pense no benestar e na saúde das persoas. Saiamos á rúa para defender os nosos dereitos como persoas, como pobo, con dereitos, con liberdade, pan, traballo e teito.

Para as Marchas da Dignidade, este 1º de Maio é o comezo dunha primavera de loita e mobilización. O próximo 28 de Maio, en Lugo, imos construír entre tod@s unha Muralla de Dignidade. Noutras nacións, comunidades e pobos do estado van-se mobilizar ese día nun esforzo de acumular forzas contra inimigo común: as políticas do Capital transnacional e financeiro, que nos escraviza e somete.

A nivel mundial están convocadas mobilizacións anticapitalista o vindeiro 15 de Maio promovidas polos movementos #NuitDebout que ocupan as prazas en toda Francia e que se estenderon por todo o mundo contra unha democracia secuestrada por corruptos e banqueiros. Malia a violenta represión das forzas de policía e o silencio dos medios de comunicación, rapidamente contaxiouse nunhas poucas semanas, este vento de esperanza en toda Europa. Desde Madrid a Atenas e Turquía, logo de Nova York a Brasil e México, e finalmente ata Hong Kong, en todas partes, en cada praza. Este 15M ás 6 da tarde na Praza de Armas, de Ferrol, as Marchas da Dignidade promoveremos e participaremos nun acto unitario.


Ferrolterra, Maio 2016


---------