venres, 30 de outubro de 2015

Os compañeiros Santiago Lamelo, José Carlos Costoya e Manolo Camaño, fan balanzo deste 24O no Obradoiro e de todo o acontecido na súa contorna (actividades, sucesos, pronunciamentos, ...)


AÍNDA OCUPANDO O 60% DA PRAZA DO OBRADOIRO O 24-O FOI UN ÉXITO
.

Ao marxe de facer unha valoración máis completa e repousada na xuntanza que manteremos en breve a Comisión Coordinadora Galega das MMdD sobre a mobilización do 24-O, (por certo que é moi importante lembrar que se trata dunha comisión coordinadora na que teñen voz e voto, en pé de igualdade, e poden asistir sempre ao menos dúas persoas por organización, das que teñen subscrito o manifesto inicial das Marchas do 22M), vemos a necesidade de facer xa algunhas reflexións sobre do acontecido na mobilización do Obradoiro do 24 de outubro na que nos xuntamos entre tres e catro mil persoas, en torno a un 60% dos que o fixéramos o 29 de novembro de 2014.

DIGNIDADE. A bofe que fixemos unha mobilización digna. A dignidade é a que nos move e, sen dúbida, unha vez máis estivo presente no Obradoiro, si ben e certo que o obxectivo era o de encher e ateigar ese espazo emblemático e non o conseguimos. Quedámonos nese 50 ou 60% cando as matemáticas, polo número de apoios “on line” e ate os de “ultima hora”, podían facer crer que seríamos máis. Aínda así, en tempos onde o discurso hexemónico leva á desmobilización, desde as MMdD seguimos na nosa estratexia de facer posible a presencia na rúa sostida no tempo. De aquí coidamos que ten que partir o análisis e a reflexión, unha reflexión serea, que nos ten que facer valorar o acontecido tendo en conta tanto os FACTORES INTERNOS como os FACTORES EXTERNOS porque, está claro, que as manifestacións illadas, concretas, non son o obxectivo final das Marchas da Dignidade, son só un camiño, unha ferramenta, que busca construír, paseniño, UNIDADE NA LOITA. CONCIENCIA E UNIDADE DE CLASE. Nestes derradeiros tres días temos lido e ouvido algunhas valoracións feitas “dende a grada”, por xentes que nunca baixaron ao terreo de xogo a disputar pero tamen por compañeiros e compañeiras que noutras ocasións si que disputaron connosco o partido, e isto é o que a nós particularmente máis nos amola. Si gaña o equipo: “gañamos!!!!”, “que bos somos!!!". Si o equipo perde: “Menudos maulas!!!”, “Non valedes para nada!!!”, “Hai que cambiar o adestrador xa!!!”, “Hai que fichar a esta ou aqueloutro!!!”. Son valoracións que entendemos gratuitas por vir de onde veñen e como veñen, pero sobre todo inxustificadas e inxustas por vir de quen veñen. Algunhas persoas, alleas, está claro que queren acabar co movemento das MMdD pero,... e esas outras que estiveron connosco, o 22M, o 21X, e o 29N do 2014, e que desta vez non estiveron. Esas que sumadas dan ise 40% que non estivo... Porqué tratan de combater o movemento?

Ollando arredor non se entende. Porque temos claro que a conxuntura, onde a realidade socio-laboral, a política e a económica non só non ten mellorado senón que, polo contrario, se consolidou, a non ser que nos creamos os indicadores da EPA, IPC, PIB, etc., e cheguemos a unha conclusión diferente. A realidade é que a deriva da inversión do binomio das rendas do capital e do traballo ven a ser o indicador máis atinado para diagnosticar a conxuntura REAL. As condicións obxectivas para dar unha resposta popular, polo tanto, seguen a estar aí. Onde, como, cando e con quen se vai a dar esa resposta?. Onde está e quen propón a alternativa?

Só atopamos a explicación mirando que o momento político-electoral, e as súas pulsións cruzadas, controvertidas, e moitas veces tóxicas, domina o ambiente. O discurso hexemónico que, ao noso xeito de ver, acaba tragando as dinámicas dos partidos “rupturistas” e foi quen de instalar na conciencia de algunha xente que a “solución electoral” é o remedio ós seus problemas, máis aínda despois de asestarlle un bó golpe ao bipartidismo nas eleccións municipais. Máis isto non sería tan grave si non se incorporaran a dito discurso algunhas organizacións partidarias, xa non digamos as corporacións sindicais instaladas no Réxime. Esta variable distorsionadora e desmobilizadora afecta fundamentalmente ós vectores sociais máis politizados, á militancia, e a contornos das organizacións políticas.

Máis de tódalas maneiras, no conxunto da clase obreira e dos sectores populares, a xente que sofre o desemprego, os desafiuzamentos, a pobreza enerxética, as persoas, sobre todo a xuventude que ten que emigrar, aquelas que estudan unha carreira para logo incorporarse a un mercado laboral escaso e precario, onde impera o escravismo laboral, e moitas e moitos que seguen atizando os seus respectivos lumes con loitas locais ou sectoriais, coidamos que para nada entenden que van a vir as solucións despois do 20D.

Dende o punto de vista interno, a programación e o deseño do 24O, foi acordado por UNANIMIDADE da columna galega no mes de xuño, fai tres meses, e foi transmitido, compartido e socializado con todos os colectivos, organizacións e persoas de xeito inmediato.

Durante o verán, dende a Comisión Coordinadora das MMdD transmitíronse mediante TRES CIRCULARES, ademais dun permanente bombardeo de chamamentos, todas as pautas, suxerencias e orientacións de traballo a todas as organizacións, colectivos e persoas. Ó redor de 250 enderezos de correo.

En setembro celebramos a II Asemblea Galega das MMdD, na Coruña. Asemblea, como se sabe aberta, onde quen non participou foi porque non quixo.

Dende fai tres meses déuselle un impulso importante as nosas ferramentas de comunicación. Tanto o blogue como o facebook e o twitter das MMdD estiveron activos levando TODA, pero absolutamente toda, a información ó público en xeral. Honestamente pensamos que si non foi perfecto, o deseño e a dirección TRANSVERSAL E UNITARIA das MMdD si estivo á altura das circunstancias, prevendo, anticipando, orientando e atendendo a campaña, e tamén a precampaña, 24-O.

Na Columna Galega das MMdD formalmente estamos 67 colectivos, os últimos en incorporarse foron o SAGAP, a Marea Branca e a Iniciativa por unha Marea Galega máis, na práctica e na realidade, somos como moito unha ducia de colectivos activos. Desde o noso punto de vista a inmensa maioría dos colectivos non son alleos ás pulsións e actitudes das organizacións políticas por efecto simpatía, por colateralidade, por proximidade ou contaminación. Isto é moi fácil de entender porque, se vemos apatía e desidia ó redor, é moi difícil que un teña ilusión para o traballo. Obviamente este é un aspecto sobre o cal deberemos de discutir e reflexionar colexiadamente e dentro de cada colectivo ou organización.

O esforzo que se fixo para integrar na campaña a todo o mundo está fora de dúbida, pero tamén é obvio que algunhas organizacións deron o seu apoio “para quedar ben”, ou o que é igual; “APOIO” para non apoiar. Observamos no Obradoiro que houbo ausencias masivas e significativas de algunhas organizacións coñecidas e outrora como mínimo participantes no movemento. Para calquera que coñeza como se vertebran aos movementos sociais nos pobos, nas plataformas, etc, exceptuando a aqueles que teñen dinámicas propias, sabemos que as inercias e actitudes dos militantes organizados politicamente acaban determinando tamén as actitudes deses colectivos e organizacións. Constatamos que, de novo, volvéronse a producir chamadas preguntando por autobuses de lugares diversos da xeografía galega; de Monforte, do Barco, de Sober, de Ourense ou de Lugo. É obvio, unha vez máis, que as MMdD e o propio 24O teñen e tiveron máis predicamento e eco social que capacidade real de recoller a súa potencialidade, non só de cara a unha mobilización como a recente, senón para xestionar a súa organización a nivel comarcal, con carácter estable.

Non imos a profundar máis nisto, porque a bofe que as persoas medianamente intelixentes saberán interpretar, no até agora dito, as razón poderosas de non ter dado un paso de calidade e cuantitativo maior no 24O. Quen mobiliza a cidade de Compostela?. Onde estaba a xente que no 29N do 2014 nos recibiu na cidade cos brazos abertos e nos acompañou ao Obradoiro?.

Por todo isto negámonos a compartir cos que dín que esta mobilización foi un fracaso. Claro que non o foi!. O fracaso foi daqueles que teimudamente boicotearon todo o que quixeron, e aínda non contentos na súa paranoia, non están a aforrar descualificacións para minorar o impacto político e social do “VOLTAMOS O OBRADOIRO O 24-O”.

Aqueles que caen nese erro, non saben que cando descualifican ás MMdD, están en realidade descualificando a cada un dos colectivos e plataformas que as conforman. Ao noso entender hoxe non hai outra ferramenta que recolla e que sume o descontento e o sufrimento popular fora das MMdD. Dende as organizacións políticas, e sobre todo dende as corporacións sindicais, non só pola falta de vontade, coidamos que a estas alturas serían incapaces de atraer ó crisol de colectivos e xentes que sí incorporamos nas MMdD.

Tendo en conta o dito, a nosa valoración, a falla de outra máis pausada e repousada como comentamos ao principio, pode resumirse no seguinte:

PRIMEIRO: Partindo das variables negativas e de toxicidade analizadas o 24O foi un éxito, non só polas 3000 persoas congregadas no Obradoiro (a metade que o ano pasado) senón pola campaña feita, que aínda afectada por esas variables, foi un feito incontestable na Galiza, e a través dela chegamos a milleiros de galega e galegos de todo o País. Curiosamente a prensa do inimigo, dos que temos enfrente, non regala nada, e a súa valoración, casualmente, é mellor que a de moitos e moitas que se empeñan, sen conseguilo, en facer naufragar o noso movemento. Elas e eles terán que reflexionalo e explicar o porqué.

SEGUNDO: Queda garantida a continuidade das MMdD. As 3000 persoas que estivemos no Obradoiro o 24 de outubro non imos a deixarnos influír polo relato intencionado e pesimista da mediocridade daquelas e daqueles que en nome da nova política, que en realidade é ben vella e marxinal, actúan demostrando que non creen na mobilización na rúa.

Construír a unidade obreira e popular para a mobilización é moi complexo, e máis aínda nunha conxuntura convulsa como a presente. Supomos que será máis doado a partir do día 21 de decembro, cando os resultados electorais nos poñan cos pes na terra, a todas e todos. A mobilización social é unha ferramenta, como o é a folga, nunca é un obxectivo en si mesmo. A repercusión, e o cumprimento dos obxectivos fixados, responden a razóns dialécticas, ademais das cualitativas e as cuantitativas. Dende a ideoloxía obreira razoamos así, pretender extraer o cumprimento dos obxectivos ou o éxito dunha mobilización en base exclusivamente a cuestións cuantitativas, ademais de sesgado é reproducir, sinxelamente, o relato da clase dominante.

A visceralidade mostrada contra as MMdD por algunha xente que nun momento histórico como o que nos atopamos debería estar a carón noso déixaos ben retratados e avalan, ao noso entender ,a corrección deste movemento, da nosa traxectoria e da de todas as persoas, independentemente da organización ou colectivo ao que pertenzan, que nos partimos o peito, e a cara, dende fai dous anos pola unidade obreira e popular.

Todo isto non nos quita da necesidade de sermos autocríticos e de seguir facendo autocrítica co noso traballo, máis nunca imos caer no masoquismo inxenuo, como pretenden aquelas persoas que desexan ver o barco das MMdD varado nas pedras. Iso sería darlles a razón, e a razón dialéctica está a carón de nós.

REFLEXIÓN CAMARADAS!!!.

Na Galiza a 27 de outubro de 2015

Santiago Lamelo de FC-Somos Maioría d'A Coruña
José Carlos Costoya do S.F. da Confederación Intersindical
Manolo Camaño da CUT.

||||||||||||||||

xoves, 29 de outubro de 2015

As Marchas da Dignidade no Obradoiro este 24 de Outubro de 2015: Pan, Traballo e Teito - Vídeo

Curta crónica dun 24O reivindicativo

A Columna de Ferrolterra das Marchas da Dignidade estivo presente este 24 de Outubro en Compostela, con forza e convicción. Seguimos marchando por un mundo mellor, por unha sociedade xusta e igualitaria. A Pan, Traballo e Teito, o Pobo ten dereito.


https://youtu.be/BRKv6Kx1Yy4





||||||||||||||||||

mércores, 21 de outubro de 2015

As Marchas da Dignidade de Ferrolterra, fan un chamamento a participar na Columna Norte que marchará sobre a Praza do Obradoiro o vindeiro sábado 24 de Outubro - Informan de autobuses desde Ferrol, pasando por Caranza, Fene e Cabanas, até Santiago de Compostela


IMPORTANTE!!

BUSES DESDE FERROLTERRA PARA ENCHER O OBRADOIRO O PRÓXIMO 24-O


O próximo sábado 24 de Outubro saíran autobuses desde Ferrolterra.

Ás 9:30 da mañá sairán desde a praza 10 de Marzal, no barrio de Recimil en Ferrol, facendo paradas en Caranza, Fene e Cabanas. Chegando ao antigo mercado do gando de Salgueiriños en Compostela, onde a Columna Norte (11:00hs) entrará en manifestación até a praza do Obradoiro (12:00hs), onde terá lugar o acto final da mobilización. A volta de regreso a Ferrolterra será as 14:30 do mediodía. O custo da viaxe será 5 euros por persoa.

Para anotarse podedes chamar ao número de telefono 602 587 531 ou mandar un correo a marchasdadignidadeferrolterra@gmail.com e deixar o voso nome e telf. ou tamén podedes enviar unha mensaxe a través do facebook. O límite para anotarse será o próximo venres ao mediodía. Canto antes vos apuntedes mellor, para facilitarnos saber cantos buses hai que contratar.

Ánimo!! fagamos que a columna de Ferrolterra sexa forte, alegre e combativa. Quédannos moitas batallas que afrontar, que saiban os da TROIKA (Fondo Monetario Internacional, Banco Central Europeo e Eurogrupo) e os seus servidores PP, PSOE e CIUDADANOS, que a columna ferrolterra vai ser dura de roer, Ferrolterra Resiste!!!

Evento no facebook:
https://www.facebook.com/events/1091688770848836/

IMPORTANTE, VÍDEO PARA COMPARTIR POLAS REDES SOCIAIS PARA ANIMAR Á XENTE Á PARTICIPAR NESTA MOBILIZACIÓN.

https://youtu.be/vfsDwU7Fd_c

IMPORTANTE, ENLACE AO BLOG DAS MARCHAS DE FERROLTERRA PARA DIFUNDIR POLAS REDES SOCIAIS, ONDE ESTÁ UN PEQUENO TEXTO QUE FIXA UNHA POSICIÓN POLÍTICA E SOCIAL PARA ANIMAR A PARTICIPAR NESTA MOBILIZACIÓN RECOLLENDO A SITUACIÓN ACTUAL QUE ESTAMOS A VIVIR.

http://marchas-da-dignidade-ferrolterra.blogspot.com.es/2015/10/polo-dereito-vivir-dignamente-as.html

Marchas da Dignidade Ferrolterra
Contacto: marchasdadignidadeferrolterra@gmail.com  | Blogue de apoio ás Marchas de FerrolTerra: http://marchas-da-dignidade-ferrolterra.blogspot.com.es/ | Blogue Galego: http://marchasdadignidade.blogspot.com/ | Web Estatal: http://marchasdeladignidad.org/.

Ven debater no grupo:
https://www.facebook.com/groups/265451853621237/

PAN, TRABALLO E TEITO - Á RÚA, QUE XA É HORA!!!
||||||||||||||

sábado, 17 de outubro de 2015

Polo dereito a vivir dignamente, ás Marchas da Dignidade chaman a encher o Obradoiro de Compostela o vindeiro sábado 24 de Outubro, ás 12 do mediodía


O próximo 24 de Outubro na Praza do Obradoiro.

As Marchas da Dignidade, estan-se mobilizando este mes de Outubro no contexto das loitas a nivel europeo que teñen lugar en diferentes países, cidades e vilas, por unha outra Europa posíbel, por unha Europa Democrática, Solidaria, Social e dos Pobos. Para responder, desde a mobilización e a concienciación, ás políticas austericidas implementadas pola Troika e secundadas polos gobernos cómplices.

As Marchas da Dignidade pulan pola unidade popular contra as políticas neoliberais emanadas e impostas dede o Eurogrupo, o Banco Centra Europeo e o Fondo Monetario Internacional (Troika) e os gobernos cómplices que as aplican en beneficio propio e das grandes corporacións e bancos transnacionais, que pagan favores contratando, con sumas astronómicas, a membros deses gobernos nos seus consellos de administración e viceversa, o que se ven chamando as portas xiratorias na política das elites corruptas que deciden sobre a vida das persoas..

Despois das mobilizacións e accións comarcais e locais do pasado día 8 deste mes, as Marchas da Dignidade chaman a encher o Obradoiro nunha concentración nacional en Santiago de Compostela, o próximo sábado 24 de Outubro, onde chegarán columnas que desde diferentes vilas e cidades da Galiza confluirán na Praza do Obradoiro, ás 12 do mediodía. Ferrolterra irá na Columna Norte que partirá da explanada do antigo Mercado do Gando, ás 11 da mañá, marchando por Xoán XXIII e San Francisco até o Obradoiro.

Desde Ferrol sairán autobuses, para dirixir-se a Compostela, co fin de mobilizar, concienciar e participar no #OBRADOIRO24O. Precisamente cando se dan a coñecer os datos de que hai máis de 13 millóns de persoas pobres ou en risco de exclusión social no conxunto do Estado Español, cun desemprego de máis de cinco millóns, dos cales 250 mil só en Galiza. Mariano Rajoy e o Partido Popular que goberna, presumen de “medio millón de parad@s menos”, cando marcharon máis de 2 millóns de persoas fóra da península (entre inmigrantes que retornaron empobrecidos aos seus países de orixen e a nosa mocidade xa formada que busca futuro noutros lugares). Ou cando por mor da reforma laboral hai máis de 2 millóns de traballadores/as probes, mais con emprego ou subempregad@s (baixos salarios, sen dereitos, precarizados e moito peores condicións laborais e de seguridade),  e máis de 350.00 persoas que perderon a súa vivenda, ...

A crise económica acelerou en Europa a imposición da orde neoliberal, baseada na tiranía do poder financeiro, a primacía do diñeiro sobre a soberanía popular, a privatización da xestión dos servizos públicos e a transformación dos cidadáns en clientes.

A imposición destas políticas na Galiza e no resto do Estado Español, da man do Partido Popular e outros gobernos afíns, xerou pobreza, exclusión, represión e indignación na maioría da poboación. Tamén grandes beneficios para o corrupto poder financeiro e os políticos cómplices.

As Marchas da Dignidade participaron na promoción e preparación das Marchas Europeas pola Xustiza e a Dignidade, xunto a numerosas organizacións do continente e baixo 4 reivindicacións básicas acordadas no Encontro Alternativo en marzo: Confrontar as políticas austericidas e de privatización de servizos públicos da Troika; os pobos teñen que ser consultados; acabar cos Paraísos Fiscais na Unión Europea (UE) e deter as negociacións secretas do TTIP entre Estados Unidos e a UE.

As Marchas da Dignidade  incorporarán a estes puntos unitarios as súas propias reclamacións de Pan, Traballo, Teito e Dignidade, facendo especial mención á súa demanda de derrogación das reformas laborais e a lei mordaza; a esixencia de prestacións para todas as persoas sen emprego; rematar coa pobreza enerxética; garantir a alimentación e o dereito a unha vivenda digna, á saúde, aos coidados e ao ensino; e combater a violencia machista, a homofobia e a xenofobia. Na Galiza, o dereito de autodeterminación dos pobos, o dereito a decidir, forma parte das reivindicacións do Manifesto constituínte.

As Marchas, xunto a outras plataformas, percorreron Europa con itinerarios converxentes, tocando todos os paraísos fiscais da UE, realizando actos nas cidades do percorrido, chegando finalmente o pasado 15 de Outubro a Bruxelas, o mesmo día que se iniciou un Cume da Unión Europea. Coa chegada das Marchas, ese mesmo día, apoiando a iniciativa dos movementos belgas, fixo-se un cerco simbólico do Cume oficial, para a continuación abrir un Cume Social Europeo, cunha Conferencia sobre a Débeda e un debate sobre Políticas de “Austeridade” e Pobreza na UE culminando o sábado 17 de outubro cunha gran manifestación europea no Día Mundial contra a Pobreza. O mesmo 16 de outubro instalaou-se en Bruxelas un campamento contra o TTIP (Acordo Transatlántico de Comercio e Investimentos).

En Ferrolterra, desde Marzo as Marchas da Dignidade veñen reivindicando un plan de choque contra o paro e unha renda básica, para toda persoa que non teña ningún tipo de prestación económica. Coa implicación de todas as administracións, para paliar a situación de declive económico e social na que estamos inmersos. Consideramos que a Ría é unha oportunidade para o emprego, comezando polo seu saneamento, limpeza e recuperación,  seguindo polo seu aproveitamento pesqueiro e marisqueiro, e mesmo turístico e de lecer, mais tamén a loita contra o cambio climático como xerador de emprego, con empresas públicas ou de economía social dedicadas á rehabilitación, a reciclaxe, a reutilización e a recuperación.

Participa !! Ven a Compostela o 24O !! Nós Imos !!
Fora Rajoy, Fora Troika!    Pan, Traballo e Teito !!
Marchas da Dignidade Ferrolterra

Folla Informativa en Formato pdf: Accede/Baixa.

Evento no facebook:
https://www.facebook.com/events/982674298443504/

Contacto: marchasdadignidadeferrolterra@gmail.com | Telefono 602 587 531 | Blogue de apoio ás Marchas de FerrolTerra: http://marchas-da-dignidade-ferrolterra.blogspot.com.es/ | Blogue Galego: http://marchasdadignidade.blogspot.com/ | Web Estatal: http://marchasdeladignidad.org/.

||||||||||||||||

venres, 9 de outubro de 2015

Con dignidade, como en toda Galiza, en Ferrol comezan a quentar motores as Marchas da Dignidade camiñando cara ao 24 de Outubro en Compostela


Hoxe 8 de Outubro, como en toda Galiza, en Ferrol comezaron a quentar motores as Marchas da Dignidade camiñando cara ao 24 de Outubro en Compostela, para responder, desde a mobilización e a concienciación, ás políticas austericidas implementadas pola Troika e secundadas polos gobernos cómplices, como os do Partido Popular de Feijóo na Galiza ou de Rajoy en Madrid.

A media tarde daba comezo o acto reivindicativo das marchas, concentrando-se na significativa Praza Amada Garcia, diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia, baixo o lema "Camiñando cara ao Obradoiro: Fora Rajoy, Fora Troika! Pan, traballo e teito". Case unha ducia de colectivos interviñeron na concentración que organizo a Marcha en Ferrol (Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, Esquerda Unida, Decide en Común, Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, Podemos, Agamme, Fuco Buxán AC, Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo, Apicultores, Marcha Mundial das Mulleres, Foro Galego da Inmigración, ...). Os colectivos, organizacións sociais e políticas que participaron neste acto, tomaron a palabra para explicar os seus obxectivos de loita, a problemática social á que se enfrontan, e compartiron análise da conxuntura, amosando o seu apoio e participación o próximo 24O na Praza do Obradoiro.

Remamtou-se o acto manifestando que desde Marzo as Marchas veñen reivindicando un plan de choque contra o paro e unha renda básica, para toda persoa que non teña ningún tipo de prestación económica. Coa implicación de todas as administracións, para paliar a situación de declive económico e social na que está inmersa Ferrolterra e o resto das comarcas do noroeste galego.

||||||||||||||

sábado, 3 de outubro de 2015

Este Xoves 8 de Outubro, concentración "Camiñando cara ao Obradoiro", ás 18:30hs, na Praza Amada Garcia (diante do Edificio da Xunta): "Fora Rajoy, Fora Troika! - Pan, Traballo e Teito !


O xoves 8 de Outubro haberá manifestacións nas cidades e vilas galegas convocadas polas Marchas da Dignidade. En Ferrolterra faremos unha concentración na praza Amada Garcia, diante do edificio administrativo da Xunta, ás 18:30 da tarde.

As Marchas da Dignidade, somos un movimento inclusivo, plural e diverso, estamos a convidar aos diferentes colectivos, organizacións e loitas da comarca a participar na concentración e intervir na mesma, coa súa actividade, accións e reivindicacións.

Participando e quentando motores

Sabemos que a concentración serve para anunciar e ir xuntando forzas de cara a encher o Obradoiro o próximo #24O. Mais debemos darlle un contido que anime a participar e que a xente de Ferrolterra vexa que paga a pena participar nesta concentración, que serve para fixar unha posición política e social que axude a avanzar en positivo e recolla o sentir do pobo. Por iso decidimos concentrarnos baixo o lema Fora Rajoy !! Fora Troika (Fondo Monetario Internacional, Banco Central Europeo, Eurogrupo) !! O 24-O Imos!! Pan, Traballo e Teito!!

Se queres podes asinar o evento no facebook:
https://www.facebook.com/events/401475106723396/

||||||||||||||||