sábado, 15 de outubro de 2016

O día 15 de Outubro, como noutras cidades de Galiza, en Ferrolterra mobilizaremos-nos contra os tratados comerciais e financeiros, patrocinados polos executivos dos estados neoliberais e das grandes transnacionais, entre a UE e EEUU, e a UE e Canada.

.
Como noutras comarcas de Galiza, en Ferrolterra mobilizaremos-nos contra os tratados dos estados neoliberais e as grandes transnacionais, entre a UE e EEUU, e a UE e Canada. Convocamos unha manifestación que terá lugar en Ferrol, ás 7 da tarde do mesmo sábado 15 de Outubro, que partirá desde a Praza Amada Garcia (diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia), pasando pola rúa Españoleto, até a Praza do Himno Galego, onde terá lugar un acto reivindicativo, coa intervención das organizacións que se sumen á convocatoria. Polo que facemos un chamamento ás organizacións políticas, sindicais, sociais, ecoloxistas, veciñais, feministas, ... que estean contra estes tratados que participen nesta convocatoria.

Entre os días 8 e 15 de Outubro deste 2016, vai ter lugar unha campaña internacional contra os tratados dos estados neoliberais e as grandes transnacionais da especulación, provocadoras do cambio climático e consumadoras do latrocinio aos pobos, entre a UE e EEUU, ou a UE e Canada. O movemento anti-TTIP, chama a unha semana de loita, co obxectivo de que o actual Goberno Español, en funcións, non dea luz verde á aprobación do tratado comercial e financeiro entre a Unión Europea e Canadá, o CETA, no Cume que se celebrará en Luxemburgo o próximo día 18 de Outubro. Deste xeito, xa hai convocados actos e mobilizacións en diferentes cidades, perante a semana de resistencia e loita, culminando o sábado 15 de Outubro, con manifestacións e concentracións en toda Europa. As cales coinciden e súmanse ás protestas que anualmente se realizan con motivo do "Día Mundial contra a Pobreza". Son centos de organizacións sindicais, feministas, veciñais, sociais, ecoloxistas, ... que van protestar e denunciar ante o intento do goberno español en funcións, de asinar o citado tratado.

Son tres os obxectivos nesta semana de loita. En primeiro lugar, evitar que o Goberno español dea luz verde ao CETA, no Cume, a do día 18 de Outubro, que precederá ao de xefes de gobernos do día 21, asistirán en representación española o ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel García-Margallo, e o secretario de Estado de Comercio, Jaime García-Legaz. O segundo amosar que "o TTIP non está morto, malia á grande mobilización social contra este tratado entre a Unión Europea e Estados Unidos, durante os últimos anos". "Van conxelar as negociacións do TTIP entre xaneiro e setembro de 2017 e poñeranlle outro nome para quitarlle o lastre de denuncia asociado ás siglas TTIP". E por último reclamar que "nin o CETA se aprobe no Cume nin que continúen as negociacións sobre o TTIP".

En diferentes estados da Unión Europea (Alemania, Bélxica, Francia, Austria, Hungría, Eslovenia, ...), levan tempo mobilizando-se contra estes tratados, perante meses, acelerando-se nos últimos tempos, maila que os medios de comunicación ocultan deliberadamente a campaña e as protestas. Temas como a protección do investimento, pois tanto o CETA e o TTIP conteñen mecanismos como o chamado Sistema Xudicial de Investimentos-ICS, un tribunal de carácter privado, onde as corporacións empresariais poderían denunciar aos estados, mesmo en caso de que unha lei aprobada por un estado, lles provoque perda de beneficios; ou a eliminación do principio de precaución, que esixe seguridade á saída ao mercado de produtos para que non sexan nocivos social e medioambientalemente falando, ou a protección dos servizos públicos e os dereitos laborais, son reclamacións que se escoitaron nas diferentes mobilizacións europeas; ou prácticas contra a saúde ou o medio ambiente como son o fracking... Na Galiza este verán da man de Nuñez Feijóo, teñen-nos visitado capitalistas usamericanos, coa intención de comprobar insitu o negocio e beneficio que poden tirar desta terra (acaparamento de terras, o negocio mineiro, privatización da explotación das nosas rías, ... os servizos públicos, o negocio da saúde... A substitución de produtos alimenticios de proximidade, por produtos trans da agricultura e gandería intensiva... Substituír a soberanía alimentaria, pola dependencia ...

Outra iniciativa que se levará a cabo para paralizar estes tratados durante os días 19 e 20 de Outubro é un encontro de representantes de concellos europeos que se mostraron en contra destes acordos transatlánticos. Tamén hai iniciativas, máis aló da mobilización social, no resto de Europa, para derrubar o CETA e o TTIP, demandas xudiciais contra o CETA nos tribunais por inconstitucionalidade, recolleita de sinaturas suficientes para que se someta a referendo entre a poboación...


Outono de Resistencia Contra o TTIP, CETA e TISA.


-------