mércores, 28 de novembro de 2018

Presentada a campaña #AlumenadoAMiseria pola Asemblea por un Vigo +Socia


Presentada a campaña #AlumenadoAMiseria

Esta mañá ao redor dun cento de persoas acudiron a rolda de prensa convocada pola Asemblea por un Vigo +Social na que presentabamos a campaña #AlumeandoAMiseria.

Xuntamos o comunicado que limos na rolda:

O Concello de Vigo pretende cegarnos coas súas luces de Nadal para que non vexamos a miseria e o sufrimento que a política social deste Concello provoca na cidadanía. A tal fin, non dubida en gastar case un millón de euros en decoración de Nadal mentres moitas veciñas sofren graves problemas económicos e carencias de todo tipo que non lles permiten satisfacer as súas necesidades básicas.

As institucións públicas, supostamente creadas e destinadas a garantir unha vida digna para todas, prefiren deixar nas sombras a realidade cotiá, antipática e pouco fotoxénica, ao tempo que constrúen un modelo de cidade “escaparate”, fermosa pero pouco humana, unha sorte de gran parque de atraccións para turistas. Un modelo de cidade, no que só teñen cabida as persoas con capacidade de participar no consumismo de Nadal, mentres as empobrecidas continuamos a ficar excluídas.

O Concello prefire esa iluminada realidade inventada, de falsa felicidade, onde só contan os intereses privados, a economía de traballos lixo ligados ao turismo e a imaxe de que todo vai moi ben, no que parece ser unha campaña electoral que nunca remata para o equipo de goberno municipal.

A cidade que nós coñecemos é moi distinta. Na nosa cidade, a real e escura, a non iluminada, as veciñas non reciben axuda debido á suposta insuficiencia de orzamento por parte do Concello, mentres este paga millóns de euros en indemnizacións a grandes empresas privadas, como as concedidas aos aparcadoiros subterráneos ou ao ruinoso auditorio Mar de Vigo, e segue a facer negocio coa política social ao destinar millóns de euros a esas grandes empresas que xestionan os servizos sociais máis básicos.

Mentres, non hai cartos nin vontade para combater problemas tan reais como a suba constante dos prezos dos alugueiros e a dificultade de moitas de nós para acceder a unha vivenda digna. Non hai cartos nin vontade para combater a pobreza enerxética e o drama que isto supón para centos de familias.

Non hai cartos nin vontade para impedir o peche da oficina de atención ás migrantes nin o recorte de persoal nos Servizos Sociais.

A resposta do Concello aos nosos problemas parece ser entón que alimentemos as nosas familias con paquetes multicolores, que combatamos o frío nos pisos, que apenas podemos pagar, con ducias de luces e grilandas, e convertamos en felicitacións de Nadal as facturas impagadas que acumulamos.

Non doutra maneira se pode entender que este goberno invista en dous meses:

  1. Un millón de euros de decoración de Nadal fronte aos 139.000 euros de orzamento que destina ao albergue municipal nese mesmo período.
  2. Un millón de euros de decoración de Nadal fronte aos 160.000 euros de orzamento que destina a axudas extraordinarias a familias sen recursos nese mesmo período.
  3. Un millón de euros de decoración de Nadal fronte aos 12.000 euros de orzamento que destina á teleasistencia para maiores nese mesmo período.
  4. Un millón de euros de decoración de Nadal fronte aos 50.000 euros de orzamento que destina a axudas para pagamento de facturas eléctricas nese mesmo período.
  5. Un millón de euros de decoración de Nadal fronte aos 77.000 euros de orzamento que destina a axudas de emerxencia para alimentos e produtos básicos nese mesmo período.
  6. Un millón de euros de decoración de Nadal fronte aos 160.000 euros de orzamento que destina a axudas de libros, material escolar e comedor nese mesmo período.
  7. Un millón de euros de decoración de Nadal fronte aos 16.665 euros de orzamento que destina a axudas á calidade e mellora do emprego da mocidade nese mesmo período.
  8. Un millón de euros de decoración de Nadal fronte aos 2.000 euros de orzamento que destina a axudas para mulleres vítimas da violencia machista nese mesmo período.
  9. Un millón de euros de decoración de Nadal fronte aos 36.250 euros de orzamento que destina a museos, patrimonio histórico e biblioteca nese mesmo período.

Por isto esiximos, un ano máis, que se priorice a vida, a xustiza social e as necesidades das persoas por riba das banalidades, os adornos e os intereses privados.

Vigo, 23 de novembro 2018


https://youtu.be/2vMROSXa7jQ

Asemblea por un Vigo +Social #AlumeandoAMiseria

facebook.com/alumeandoamiseria | @maissocialvigo


Enviado por:
Mais Social
-maissocialvigo@gmail.com-
23 de novembro de 2018 12:29
_________

venres, 23 de novembro de 2018

O 1 de decembro tod@s a Touro, contra a estafa eléctrica en defensa da Terra, con as Marchas da Dignidade - Galiza está ferida por culpa dun sistema depredador que leva por diante todo o que atopa para encher os petos dos de sempre - Polo pan, traballo e teito, pola Terra - Imos desde Ferrolterra


Galiza está ferida por culpa dun sistema depredador que leva por diante todo o que atopa para encher os petos dos de sempre. Un sistema cruel ao que non lle importa facer dano se con iso consigue satisfacer a cobiza dos que máis teñen. Un sistema que conta coa submisión do poder político, cómplice necesario en toda esta desfeita. Os atentados ao noso país son constantes e veñen xa de lonxe, de moi lonxe, xa desde antes do desecamento da Lagoa de Antela ou da instalación da Celulosa na Ría de Pontevedra. As coiteladas á nosa terra foron, e son, unha constante, e o día 1 de decembro imos a Touro a dicir BASTA.

Esquilman a terra coa minería destrutiva, contaminan terra, ríos, rías e mar, enchen o monte de eucaliptos deixando a terra erma. Eucaliptos que logo arden como se foran gasoliña, provocando mortes e destrución. Enchen os nosos ríos de centrais eléctricas, os montes de muiños de vento e queiman carbón para encher o ceo de choiva ácida, pero logo temos a electricidade máis cara do estado e a nosa xente non pode quentarse no inverno.

Todo isto é froito das políticas ao servizo do poder económico e de costas á xente, a nós. E se non nos mobilizamos firme e permanentemente, non imos poder darlle a volta a esta desfeita. Para iso son as Marchas da Dignidade, para sumar forzas contra un inimigo que cada vez ten máis poder porque nós estámolo permitindo. Temos que loitar contra o inimigo común que nos está asoballando, que está desfacendo a nosa terra, os nosos dereitos e as nosas vidas. Por todo isto iremos a Touro o 1 de decembro xunto coa Plataforma Veciñal Non Á Mina de Touro. Polo pan, traballo e teito, pola Terra.

O DÍA 1D IMOS A TOURO CONTRA A ESTAFA ELÉCTRICA, EN DEFENSA DA TERRA.

CORREO DE CORDINACIÓN NACIONAL:
marchasdadignidade@gmail.com

Polo pan, traballo e teito, pola Terra.

EN FERROL SAÍMOS ÁS 9:30 DESDE O MONUMENTO 10 DE MARZO, ENTRE AS PÍAS E AS CASAS BARATAS. APUNTAR-SE NO CORREO:
marchasdadignidadeferrolterra@gmail.com
OU CHAMANDO AO TELEFONO: 645158113


Marchas da Dignidade Ferrolterra

Contacto:

Correo-e: marchasdadignidadeferrolterra@gmail.com |
Teléfono: 645158113 |
Blogue de FerrolTerra: http://marchas-da-dignidade-ferrolterra.blogspot.com.es/ |
Blogue Galego:http://marchasdadignidade.blogspot.com/ |
Web Estatal:http://marchasdeladignidad.org/ |

Blogue do Plan Comarcal de Choque contra o Paro, polo Emprego e a Renda Básica:
http://asmarchaspoloemprego.blogspot.com.es/


PAN, TRABALLO E TEITO - Á RÚA, QUE XA É HORA!!!
---

xoves, 15 de marzo de 2018

Vemo-nos o luns 19 de marzo, ás 7 da tarde, na Praza Amada Garcia de Ferrol (Diante do edificio da Xunta), en apoio do compañeiro Emilio Cao, represaliado por participar na multitudinaria Marcha da Dignidade do 22 de Marzo en Madrid - Non á lei Mordaza! Polas Liberdades Democráticas! polo Dereito a manifestar-se libremente, polo Dereito á Expresión... Emilio Cao Absolución


Vemo-nos o luns 19 de marzo, ás 7 da tarde, na Praza Amada Garcia de Ferrol (Diante do edificio da Xunta), en apoio do compañeiro Emilio Cao, represaliado por participar na multitudinaria Marcha da Dignidade do 22 de Marzo en Madrid. Emilio Cao vítima dunha montaxe gobernativa e policial, foi detido nun tumulto provocado o mesmo día da grande manifestación. A Emilio piden-lle 5 anos e 8 meses de prisión, non permita-mos tal inxustiza. Non á lei Mordaza! Polas Liberdades Democráticas! polo Dereito a manifestar-se libremente, polo Dereito á Expresión... Emilio Cao Absolución.

MARCHAS DA DIGNIDADE FERROLTERRA
#ColumnaFerrolterra
marchasdadignidadeferrolterra@gmail.com
http://marchas-da-dignidade-ferrolterra.blogspot.com.es/

#AbsoluciónEmilioCao

@absolucion-cao

Manifesto pola libre absolución de Emilio Cao

O vindeiro 19 de marzo o mozo Emilio Cao enfróntase a un xuízo que pode fenderlle a vida. A Fiscalía pídelle 5 anos e 8 meses de cadea por ter participado en 2014 na multitudinaria manifestación das Marchas da Dignidade, reivindicando pan, traballo e teito.Queren condenalo por ser parte dunha loita pola dignidade e a igualdade.

Daquela unha parte importante da sociedade fíxose consciente de que os sufrimentos individuais ocasionados pola crise eran, en realidade, problemas colectivos e que había que encaralos con solucións en común. O desemprego e a emigración, os desafiuzamentos a familias traballadoras e a precarización da vida eran problemas políticos denunciados en común na praza pública.

Había que enfrontar as consecuencias negativas das políticas dos menos sobre a vida das máis. Emerxía de novo o protagonismo das desposuídas. Con novas demandas, con novas necesidades, cun compromiso radical coa loita pola igualdade e a xustiza social.

Esa fronte da loita continua aberta e o Réxime do 78 mantén activa toda a súa maquinaria propagandística e represiva. Quérese abafar a chama da protesta entre a xente do común. Teiman en criminalizar toda protesta, en proscribir toda disidencia, en reprimir toda rebeldía, en acalar toda desconformidade.

O mantemento do Estado de excepción esixe castigo e represión para acurralar e minguar dereitos e liberdades. Impera o dereito penal do inimigo como fórmula para esmagar o antagonismo de clase revivido e negarnos as condicións materiais dos nosos dereitos de cidadanía.

Emilio Cao tomou partido. Elixiu facer parte da cidadanía rebelde. Sumouse ás moitas que tomaron as rúas para reclamar dignidade. Desafiou a orde da inxustiza. Agora queren impoñerlle un castigo exemplar.

Xuntas, fraternalmente, tomamos partido por Emilio Cao. Represéntanos. A súa loita é a nosa. Fronte ao autoritarismo do Réxime do 78, a súa dignidade e a súa rebeldía; fronte á represión do Réxime do Estado de Excepción, a nosa rebeldía e a nosa solidariedade.

Ao carón de Emilio reivindicamos pan, traballo e teito; dignidade, liberdade, igualdade e xustiza social. E, agora, sumamos voces para esiximos a súa libre absolución.

Asina pola absolución de Emilio Cao:

https://www.absolucionemiliocao.gal/

---