domingo, 18 de decembro de 2016

En Ferrol, como noutras cidades da Galiza e do resto do Estado, vai ter lugar unha Manifestación Unitaria contra a pobreza enerxética e contra o oligopolio das corporacións eléctricas, este mércores 21 de decembro de 2016


O recibo da luz volveu a subir en Novembro 2016, co que acumula sete meses consecutivos de incrementos, o que representa unha suba media por fogar do 27,8%. En Outubro, era o Tribunal Supremo o que tombaba o chamado "bono social", e obrigaba a indemnizar as eléctricas por ter que pagar esa tarifa subvencionada que levaba dous anos en vigor. O tribunal recoñece o "dereito" das compañías eléctricas a cobrar unha indemnización polas cantidades que tivo que asumir, o que repercutirá na tarifa que temos que pagar todas. Mentres, Iberdrola, Endesa e Gas Natural-Fenosa rexistraron un beneficio conxunto nos seis primeiros meses de 2016 de perto de 2.900 millóns de euros... mentres, na Galiza son máis de 110.000 fogares afectados pola pobreza enerxética e no resto do estado supera os catro millóns de persoas afectadas...

Mobilizámonos para esixir medidas contra a pobreza enerxética, na súa prevención e eliminación, mais tamén na denuncia aos oligopolios eléctricos que, co apoio gobernamental, impoñen prezos, baleirando as economías domésticas e as arcas públicas, para os seus beneficios privados. Desde principios deste mes veñen-se realizando mobilizacións en toda Europa, para denunciar esta situación, onde moitos fogares padecen a pobreza enerxética. Este 21 de Decembro, están convocadas varias mobilizacións en Galiza e en moitas cidades do resto do Estado, para que, entre outras demandas, non se permita ás compañías eléctricas que corte a luz a familias con problemas económicos. O recente casos de Rosa, unha anciá de Reus (Catalunya) que finaba queimada polo lume causado po unhas velas, logo de que Gas Natural Fenosa cortara a subministración eléctrica sen informar aos servizos sociais; mesmo, con anterioridade en Ourense, onde outro ancián, de 87 anos, morría queimado, e o seu irmán quedaba con queimaduras graves pola mesma razón; crearon unha onda de indignación. Cada vez son máis as persoas que queren rematar xa coas tarifas abusivas e os cortes de luz a familias sen recursos.

O estado neoliberal avanza na súa consolidación e o que tiña que ser o recoñecemento do dereito de acceso universal á enerxía e á auga como subministración básica, ao igual que o dereito á vivenda digna e adecuada, o dereito á alimentación, aos coidados, á educación e á saúde, a un traballo digno ou a unha renda básica, para que cada persoa poida gozar dunhas condicións de vida dignas; o estado neoliberal converte, o dereito á enerxía como servizo público esencial, nun negocio privado con beneficios garantidos, controlado por cinco corporacións eléctricas que conforman un oligopolio... O estado neoliberal, fai do dereito beneficencia; e en vez de desenvolver medidas estruturais, con solucións inmediatas, permanentes e preventivas... aplica só medidas paliativas, perpetuadoras da pobreza e a dependencia, de por vida, dos servizos sociais de ducias de miles de fogares.

Cumpre xa pasar a ofensiva, non se mantén que o oligopolio conformado polas corporacións eléctricas manteñan en xaque a un Estado e na pobreza enerxética a millóns de persoas, logo de facer-se con máis de 103.000 millóns de euros cobrados ilexitimamente entre o período 1997 e 2013 ou que siga reclamando ducias de miles de millóns polo chamado "déficit enerxético" sen ningún tipo de control, nin auditoría.

Polo que Reclamamos:

1. Prohibición legal de todos os cortes de luz a familias con problemas económicos. As eléctricas deberán dirixirse á administración para comprobar a situación das familias que non abonen os seus recibos. Si sofren vulnerabilidade económica, non poderán cortarlles o fornezo e o custo será asumido polas compañías.

2. Fin aos abusos tarifarios. Aprobación dunha tarifa accesíbel, regulada polo Goberno, á que poderán acollerse todos os consumidores domésticos na súa primeira residencia.

3. Creación dunha auténtica tarifa social. Substitución do actual bono social por unha tarifa de reducida contía dirixida ás familias con baixos niveis de renda, sufragada polas eléctricas.

4. Recoñecemento e devolución por parte das grandes eléctricas dos 3.500 millóns de euros que cobraron indebidamente en conceptos de Custos de Transición á Competencia (CTCs).

5. Auditoría ao sistema eléctrico. Realización dunha análise dos custos do sistema desde que se puxo en marcha a liberalización do sector, co obxectivo de determinar o prezo real das tarifas eléctricas.

6. Aplicación do tipo de IVA superreducido á electricidade, pasando do 21% actual ao 4% por ser considerado un servizo esencial para a cidadanía.

7. Creación dunha tarifa eléctrica galega. Non só tendo en conta que Galiza é excedentaria na produción de electricidade como tamén polo impacto ambiental negativo que padecemos a causa diso.

8. Rescate para o sector público de activos enerxéticos hoxe en mans privadas, exercendo así o control sobre as actividades estratéxicas enerxéticas e devolver o carácter de ben público ao sector, para que se poida exercer con garantía o dereito de acceso universal á enerxía, un ben común esencial, para que cada persoa poida vivir dignamente.

9. Demandar do Parlamento de Galicia a continuación da tramitación da Proposición de Lei, por Iniciativa Lexislativa Popular, de Medidas para Garantir a Enerxía como Servizo Público e Contra a Pobreza Enerxética, e esixir que se leven ao cabo as actuacións que debe realizar a Xunta de Galicia e as demandas que debe esixir ao Goberno Central, para protexer as familias que se atopen nesa situación e resto de medidas contempladas na Proposición de Lei.

31 organizacións e colectivos participan na convocatoria:

- Anova-IN.
- A Revolta de Trasancos Colectivo Sociocultural.
- Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza - ADEGA.
- Asociación Sociocultural “López Bouza”.
- Asociación Sociocultural Muíño do Vento.
- Asociación Veciñal "O Rosario" do Inferniño.
- Ateneo Ferrolán.
- AVV "A Madalena" Ferrol .
- Bloque Nacionalista Galego -BNG.
- Cerna.
- Colectivo Ártabra 21
- Colectivos Okupas de Canido e Ferrol-Vello.
- Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol.
- Decide En Común.
- Espazo Ecosocialista.
- Esquerda Revolucionaria.
- Esquerda Unida -EU.
- Foro Galego de Inmigración.
- Fuco Buxán A.C.
- Fundaçom Artábria.
- Grupo de Consumo "Fonte da Uz".
- LiGanDo.
- Marcha Mundial das Mulleres.
- Marchas da Dignidade Ferrolterra.
- MoveNeda - Movemento Veciñal.
- PAH de Ferrol e Comarca.
- Sindicato de Estudantes.
- Somos Cabanas.
- Stop Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrolterra.
- Tenda de Troco de Arméria Soc. Coop. Galega.
- Xunt@s por As Pontes.

Evento no facebook:
MATERIAL GRÁFICO PARA A CONVOCATORIA

Cartaces en formato pdf e tamaño DIN-A3, tanto en B/N coma a Cor.
Folla informativa en formato pdf e tamaño DIN-A5.
Nota.- Vai moi axustado, para imprimir dúas follas porcada DIN-A4, polo que si sae algo cortado, configurar a impresión sen marxes. probamos e sae ben.

Unha imaxe para difundir polas redes sociais ou colgar nos blog e web. en formato jpeg.
CUÑA RADIOFÓNICA

Elaborada e difundida por Rádio Filispim, en formato mp3: Acceder/Baixar.

---