domingo, 22 de xuño de 2014

O berro de "pan, traballo e teito" rodeou o Parlamento Galego - Vídeo


O Parlamento foi rodeado, na mañá deste sábado, por unha gran marea reivindicativa convocada polas Marchas da Dignidade. "O Parlamento galego e os demais parlamentos de todo o Estado español foron secuestrados", denunciou o manifesto lido ao remate da mobilización, que centrou as súas críticas no poder financeiro, "unha mafia" que "coa principal colaboración dos dous partidos maioritarios, PP e PSOE, está a roubar o que é do pobo para entregarllo ás grandes empresas". O texto incidiu polo tanto na denuncia do control que o poder económico exerce o poder político e as súas institucións, un control que lle resta "lexitimidade" ao poder lexislativo e que xustifica a necesidade "situar o debate e a contestación nos Parlamentos, no europeo, no español, nos parlamentos autonómicos. Centros de decisión en teoría democráticos que deixaron de selo".

A deste sábado foi unha manifestación diferente. Polo seu percorrido e polo seu desenvolvemento, pois dende o seu inicio na estación de tren de Compostela, os seus integrantes fóronse estendendo e desprendendo, formando unha fileira no perímetro do Parlamento, coma unha longa corda que se desenrolaba. Así, até rodear por completo o exterior da cámara. Foi unha manifestación ruidosa, liderada polo berro de "pan, traballo e teito" e a demanda de "dimisión", tanto para Alberto Núñez Feijoo coma para Felipe VI.

Foi tamén moi significativo o papel dun grupo moi numeroso de bombeiros, moitos deles dende hai meses no contexto de sucesivos conflitos laborais polos seus dereitos, que non só lideraron a marcha en moitos treitos, senón que formaron un eficaz servizo de orde. De feito, outro dos berros máis escoitados foi o de "madeiros, aprendede dos bombeiros", dirixidos cara ás dotacións de antidisturbios que vixilaban a mobilización. E foi tamén unha manifestación chea de cor, de bandeiras de todo tipo: republicanas, estreleiras, comunistas, anarquistas, de Nunca Máis, ou das organizacións -da CUT a CGT, pasando por SLG, Podemos, o Sindicato Ferroviario ou o STEG- que máis se implicaron na súa convocatoria, apoiada expresamente por BNG e por todas as forzas que compoñen AGE.

Manuel Camaño, un dos voceiros da plataforma, entende "que hai unha clave frentepopulista e unha clave de unidade de clase e popular, que nos obriga a todos os que pensamos que este sistema é inxusto". Nos últimos días AGE chamou nun comunicado a secundar a convocatoria e a demandar “solucións a esta situación de fame e pobreza a través da “unidade popular” para destituír “a aqueles que non representan o pobo”. E, de igual xeito, o BNG defendeu que a Cámara "ten que ser a institución que recolla a voz da cidadanía acosada polas políticas de recorte do PP en todas as instancias nas que goberna".

Neste sábado 21 houbo manifestacións semellantes ante os parlamentos de todas as comunidades autónomas do Estado. Todas coa mesma demanda de "pan, traballo e teito" e o obxectivo de "devolver o poder ás persoas", como tamén lembrou o manifesto lido por unha activista das PAH, un texto que puxo en dúbida a lexitimidade que lles queda ás cámaras de representación: "ninguén lexitimou os partidos que gobernan para dar ós bancos preto de douscentos mil millóns de euros, ninguén lexitimou o goberno para que permita que se desafiucen ás familias mentres os bancos dispoñen de milleiros de vivendas baleiras, ninguén lles autorizou para facer pública unha débeda que era privada, ninguén autorizou o goberno a que siga as indicacións da Troika e ninguén autorizou un tratado de libre comercio entre Estados Unidos e Europa que será un dos maiores ataques á democracia en toda a súa historia".

A marcha pechouse coa lectura deste texto a uns poucos metros das portas da cámara, con berros de "non pasarán" e co emprazamento a unha nova manifestación ante o Parlamento para o vindeiro mes de novembro, continuando cun ciclo de mobilización que as Marchas da Dignidade e a columna galega do 22M iniciou precisamente ese 22 de marzo que reuniu en Madrid centos de milleiros de manifestantes. Nos últimos meses, ademais, o 22M mantivo unha actividade reivindicativa, centrada na denuncia dos elevados niveis de desemprego, na crise industrial, na defensa do dereito á vivenda e na loita contra os crecentes niveis de pobreza e exclusión social.

Por Marcos Pérez Pena, publicado no xornal Praza Pública 21 de Xuño de 2014 | Licenza Creative Commons by-sa.

Praza Pública precisa de Ti:
A forza de Praza Pública son os seus lectores e lectoras. Praza é un medio da súa comunidade de lectores. A existencia do xornal depende das achegas realizadas por todos nós [+info].
_______________


Rodea o Parlamento - Marchas da Dignidade - Compostela, 21 de Xuño de 2014)

http://youtu.be/kGYaw1-6a7A
Galiza ContraInfo


Marchas da Dignidade Ferrolterra
Contacto: marchasdadignidadeferrolterra@gmail.com  | Blogue de apoio ás Marchas de FerrolTerra: http://marchas-da-dignidade-ferrolterra.blogspot.com.es/ | Blogue Galego: http://marchasdadignidade.blogspot.com/ | Grupo no facebook:
https://www.facebook.com/groups/265451853621237/
 | Conta no facebook:
https://www.facebook.com/MarchasDignidade | No twitter:
https://twitter.com/galizaMarcha22M | Web Estatal: http://marchasdeladignidad.org/.

PAN, TRABALLO E TEITO - Á RÚA, QUE XA É HORA!!!
__________________