domingo, 23 de marzo de 2014

Primavera de dignidade multitudinaria, diversa, plural e multicor - Marchas da Dignidade: Pan, Traballo e Teito - E agora a seguir marchando


Primavera de dignidade multicor

Primavera multicor na defensa da dignidade e por "pan, traballo e teito". Entre bochas nos pés polos moitos quilómetros andados, innumerables controis policiais e declaracións políticas con evidentes problemas de lateralidade as Marchas da Dignidade asolagaron este sábado as principais rúas de Madrid. Contra o mediodía a columna noroeste, na que se integra unha parte minoritaria da representación galega entraba na capital española. Case ao mesmo tempo, o tren que transportaba arredor de 500 activistas do país chegaba á estación de Chamartín, blindada pola policía igual que o resto da cidade, ao berro de "pan, traballo e teito".

Bandeiras galegas con e sen estrela, enseñas da II República e emblemas sindicais mesturáronse nos primeiros compases do percorrido cos traxes profesionais de bombeiros como os que impediron o desafiuzamento de Aurelia Rey, na Coruña. O ambiente reivindicativo mesturouse co son festivo das gaitas nunha comitiva na que se integraron representantes políticos como os deputados de AGE Antón Sánchez e Yolanda Díaz, o alcalde de Teo, Martiño Noriega ou Lidia Senra, entre outros.

Os dereitos á vivenda, ao traballo, aos servizos públicos ou á interrupción voluntaria do embarazo formaron parte das consignas desta columna, que comezou o percorrido polas rúas de Madrid achegándose á praza de Castilla, onde se xuntou coas persoas que viaxaron dende Galicia en autobús. Dende alí, e baixo o férreo control das numerosísimas unidades antidisturbios despregadas polo Goberno central, pero tamén entre aplausos dende as beirarrúas, dirixíronse ao punto de inicio da manifestación, o acto central deste sábado.

"Aquí está, aquí se ve, a clase obreira galega en pé", clamaban de camiño a Atocha, onde os bombeiros galegos foron recibidos cunha ovación. A unha hora do inicio da manifestación o Paseo del Prado era unha marea branca e azul, mestura de indignación e alegría e sen rastro dos incidentes que as autoridades madrileñas semellan agardar. Ás cinco da tarde, hora fixada para o inicio da manifestación unitaria, unha enorme marea comezou a marchar por tras dunha pancarta coa verba "dignidade" escrita nos idiomas cooficiais do Estado.
Numerosísima asistencia

As Marchas da Dignidade pretendían evidenciar na rúa a súa fartura coa situación social, económica e política que vive o Estado. Se o descontento se mide polo apoio popular que recibe unha manifestación, o seu obxectivo está cumprido.
    Na multitudinaria manifestación destaca a pluralidade de bandeiras e siglas
Milleiros de persoas secundan marchas ideadas por diversos colectivos, aos que se foron sumando outros nos últimos días e mesmo nas últimas horas. Así, na protesta puidéronse ver bandeiras de diversos partidos políticos e sindicatos, de plataformas como a PAH, ou as insignias das distintas mareas cidadás.
    O remate da comitiva comezou a andar unha hora e media despois da cabeceira
A asistencia foi tan maioritaria que a concentración previa á manifestación comezou moito antes das 17.00 horas, momento elixido para iniciar a marcha desde Atocha até Colón. Xa ás 16.30, os asistentes comezaron a baixar por Atocha, mentres ían acumulando apoios en zonas como os arredores ao Museo do Prado. A parte final da comitiva non puido comezar a camiñar ata unha hora e media despois de que comezase a andar a cabeceira.
Acto final e cargas policiais

A mestura de loita e festa caracterizou tamén o acto final das marchas, onde a música salferiu os discursos que, nunha liña pouco habitual, mesturaron o castelán co galego, o catalán e mais o euskera. Esa música e eses discursos tiveron que facerse ouvir, no treito final do acto, por riba dunha carga policial. Un reducidísimo número de individuos guindou obxectos contra as unidades antidisturbios mentres, dende o escenario, os organizadores advertían de que a Policía estaba a irromper "nun acto completamente legalizado".

Carreiras, proxectís de goma e feridas foron a faciana máis minoritaria dunha xornada que se caracterizou polo seu pacificismo na reivindicación. Resta saber que acontecerá nas rúas de Madrid durante a noite, especialmente na contorna de Recoletos, onde un grupo de persoas comezou a instalar unha acampada.

Autores e notas de interese
:

David Lombao | @davidlombao   

Virginia Uzal | @VirginiaUzal   

El Diario | @eldiarioes   

Praza   Pública precisa de Ti:
A forza de Praza Pública son os seus lectores e lectoras. Praza é un medio da súa comunidade de lectores. A existencia do xornal depende das achegas realizadas por todos nós [+info].

Redacción | @prazapublica .
Publicado en Praza Pública
|
23.03.2014
Recomendamos visitar a páxina orixinal, con fotos, vídeos e comentarios.

Todos os contidos textuais de Praza Pública están liberados coa licenza Creative Commons by-sa. Así pois, es libre de coller todos os textos da web, reproducilos parcial ou integramente, e distribuílos como queiras sempre que cites a súa autoría e empregues tamén a mesma licenza.

_____________

Asemblea das Marchas da Dignidade Ferrolterra
Contacto: columnacaranceira@gmail.com | Blogue de apoio ás Marchas de FerrolTerra: http://marchas-da-dignidade-ferrolterra.blogspot.com | Blogue galego : http://marchasdadignidade.blogspot.com | Web Estatal: http://marchasdeladignidad.org
---