sábado, 29 de novembro de 2014

Miles de persoas marcharon sobre Compostela este 29N confluindo no Obradoiro, nun acto multitudinario cheo de Dignidade e un compromiso de Unidade e Loita


"Seguiremos a loitar e a medrar e aquí, ninguén sobra". Quen fala é Roberto Rivas, o bombeiro da Coruña cuxo nome saíu do anonimato ao negarse a desaloxar a anciá Aurelia Rey e a quen este sábado, convertido nun símbolo da loita contra os desafiuzamentos lle tocou, nas súas propias verbas, o "marronazo" de poñerlle voz ao manifesto das Marchas da Dignidade que  confluíron na compostelá Praza do Obradoiro. "A unidade dános forza", "cada enfrontamento entre nós, as organizacións sociais e políticas da esquerda, é unha vitoria para o réxime", proclamou Rivas ante unha praza que tornou nunha caste de mar de bandeiras de tantas cores como loitas confluíron, de novo, baixo o lema "pan, traballo e teito".

Na estela das mobilizacións iniciadas a pasada primavera as cinco columnas que camiñaron cara á capital transitaron polas rúas de Compostela xunto a persoas diversas que, a título individual ou colectivo, decidiron secundar a convocatoria contra a que, din, é unha "gran estafa provocada polo poder económico para manter os seus insultantes privilexios". Bandeiras galegas con e sen estrela e enseñas da II República Española mesturáronse cos símbolos de organizacións políticas como Anova, Esquerda Unida ou Podemos e sindicatos como a CUT, CGT, o STEG ou a CNT. Ao seu carón, a Marcha Mundial das Mulleres, o movemento veciñal ferrolán que se opón á permanencia de Reganosa na ría, persoal da CRTVG e de Correos na loita polos seus dereitos, traballadores/as de Lantero que levan 48 días en folga, traballadores afectados polo amianto, colectivos de defensa das persoas con discapacidade, a Plataforma de Afectados pola Hipoteca ou Stop Desafiuzamentos, entre outros grupos.

Todos xuntos encheron boa parte da céntrica praza compostelá -o Concello colocou valados para impedir que os manifestantes se achegasen ao Pazo de Raxoi-, á que acudiron nun ambiente a medio camiño entre a reivindicación e a festa, ingrediente que se ocuparon de poñer artistas como o grupo Habelas hainas ou os xa míticos Mini e Mero, así como o dramaturgo e actor Cándido Pazó, que actuou como mestre de cerimonias para lembrar algunhas das causas polas que, di, paga a pena entregar tempo e traballo. As verbas de Pazó suscitaron os primeiros aplausos que medraron aínda máis ao chegaren á praza os bombeiros da Coruña. "Os bombeiros si son compañeiros", aclamaron.
O bombeiro Roberto Rivas púxolle voz ao manifesto e diversas persoas achegáronse a el para darlle as "grazas"
Despois de que varios grupos de persoas se achegasen a el para, simplemente, darlle as "grazas", Rivas accedeu ao escenario para poñerlle voz ao manifesto contra "este sistema ruín e perverso" contra o que, di cómpre "loitar para cambialo". "O inimigo non é pequeno" e "ten o coñecemento científico, a educación e a xustiza" pero "nós temos a nosa dignidade e unidade para derrotalo". "Mentres non o derrotemos seguiremos a padecer os seus crimes", tales como "nenos e nenas que pasan fame" ou "bancos que botan á xente á rúa". "Estannos a deixar sen pan, traballo e teito e non debemos nin o imos permitir, temos a obriga de rebelarnos", tamén contra os que "non lles importa levar por diante paraxes naturais únicos, facer minas descomuniais e perigosas ou autoestradas que destrúan paraxes tan importantes como a Ribeira Sacra".
"Estannos a deixar sen pan, traballo e teito e temos a obriga de rebelarnos"
Nesta "loita", explicou Rivas, os "antagonismos" son un "freo". Por iso, alén do manifesto, o bombeiro coruñés achegou o relato de Eduardo Galeano sobre a Tecnología del vuelo compartido que, ao seu xuízo, ben podería marcar o vieiro polo que o traballo da esquerda social debería transitar. Nese texto o escritor uruguaio explica o xeito en que os parrulos voan en forma de letra uve: "o primeiro parrulo que levanta o voo ábrelle o paso ao segundo, que lle despexa o camiño ao terceiro" e "cando cansa, o parrulo que fai punta baixa á cola e déixalle o seu lugar a outro". "Todos se van turnando" e "ningún se cre superparrulo por voar adiante, nin subparrulo por marchar atrás".
As Marchas preparan novas mobilizacións para o vindeiro mes de marzo
A música ao vivo de Ataque Escampe serviu para poñerlle o ramo -e para facer bailar a moitos e moitas das presentes- a unha mobilización que terá o seu seguinte capítulo o vindeiro mes de marzo. "A próxima cita é o 22 de marzo de 2015", confirma un dos voceiros das Marchas en Galicia, Manuel Camaño, da CUT. Esa xornada "vai ser a seguinte referencia de mobilización" nun formato aínda por determinar pero coa intención de "sumar", que "é a única maneira de acabar coas medidas destes desvergoñados". "Estamos chegando a unha istuación sen precedentes á que lle hai que poñer couto" e "ese couto tenllo que poñer a clase traballadora e os sectores populares de Galicia e do Estado" mediante a "acumulación" das súas "forzas", reclama.

Reportaxe de David Lombao | @davidlombao en Praza Pública. | 29.11.2014

Praza Pública precisa de Ti:
A forza de Praza Pública son os seus lectores e lectoras. Praza é un medio da súa comunidade de lectores. A existencia do xornal depende das achegas realizadas por todos nós [+info].

Nota.-
Recomendamos acceder á noticia en Praza Pública, con fotos, audios e comentarios.

---



Contacta coas Marchas da Dignidade Ferrolterra enviando un correo a:
  • marchasdadignidadeferrolterra@gmail.com
ou chamando ao telefono:
  • 603 213 863
O 29N, Ferrolterra Foi!

Ferrolterra:
http://marchas-da-dignidade-ferrolterra.blogspot.com.es/
Galego:
http://marchasdadignidade.blogspot.com/
Estatal:
http://marchasdeladignidad.org/
Redes da Columna Galega:
https://twitter.com/galizaMarcha22M
https://www.facebook.com/MarchasDignidade
https://www.facebook.com/groups/265451853621237/
https://www.youtube.com/channel/UCaOvAhPYKR43taxbOKCCreg

PAN, TRABALLO E TEITO - Á RÚA, QUE XA É HORA!!!

\\\\\